O Vicedo busca plenarios máis transparentes con gravacións e difusión en liña

AMariñaXa
O PSdeG-PSOE presenta unha moción para que as sesións plenarias poidan verse e escoitarse nun prazo máximo de 72 horas
PSOE--PSdeG-O-Vicedo-2026
16 Jan 2026

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Vicedo vén de presentar unha moción que se someterá a debate no pleno do mércores 28 de xaneiro, coa finalidade de garantir unha maior transparencia nas sesións do Concello mediante a gravación e difusión das mesmas.

Verónica Canoura, voceira socialista, explicou que esta iniciativa responde á demanda de moitos veciños e veciñas, que solicitan poder seguir os plenos de forma remota “porque non sempre poden acudir presencialmente por motivos laborais, familiares, de saúde ou por residir noutras parroquias”.

Dende o PSdeG subliñan que a proposta non pretende xerar confrontación, senón mellorar a comunicación entre o Concello e a cidadanía: “O único que solicitamos é transparencia. Un Concello aberto, accesible e no que calquera persoa poida coñecer que se debate e que se decide”.

A moción inclúe a instalación dun sistema sinxelo de gravación en vídeo e/ou audio e a publicación das sesións completas nos medios oficiais do Concello nun prazo máximo de 72 horas. Ademais, recóllese que estas gravacións se realicen respectando a normativa de protección de datos, enfocándose exclusivamente nas intervencións da Corporación e evitando captar ao público presente.

“É unha medida asumible, que xa se aplica con normalidade noutros concellos da Mariña e da provincia. No Vicedo tamén debemos avanzar nesa dirección”, destacou Canoura.

O PSdeG do Vicedo reafirma o seu compromiso de presentar iniciativas que melloren o funcionamento democrático e a participación veciñal: “A veciñanza merece información clara, directa e accesible. E iso tamén é facer política útil”.

⚙ Configurar cookies
0.076137065887451