O Vicedo aposta por garantir o acceso seguro ao Fuciño do Porco este verán

O Concello de O Vicedo dá un novo paso para asegurar o acceso ao Fuciño do Porco durante os meses de verán, un dos principais atractivos turísticos da Mariña. A administración local vén de aprobar unha partida de 17.000 euros destinada ao traslado da escalinata de entrada á pasarela que leva ata o istmo, unha actuación que permitirá abrir o paso con garantías de seguridade para os visitantes.
Segundo explicou o alcalde, Jesús Novo, os traballos serán executados pola empresa pública Tragsa, cuxos técnicos xa visitaron a zona hai dúas semanas. A proposta contempla desprazar lixeiramente á esquerda a escaleira actual, coa finalidade de evitar riscos e mellorar a accesibilidade durante a tempada estival. “Estamos traballando a contra reloxo para garantir que o Fuciño poida abrir este verán sen poñer en perigo a seguridade das persoas”, declarou o rexedor.
O financiamento deste proxecto require reaxustar partidas do orzamento municipal, unha tarefa que o goberno local xa ten en marcha. “Se conseguimos ese diñeiro, poderemos dar unha solución temporal e permitir que veciños e turistas gocen deste espazo natural único”, indicou Novo.
Con todo, a solución será provisional. Unha vez rematada a tempada estival, a escaleira deberá ser retirada, xa que non forma parte do deseño definitivo previsto pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Esta entidade é a responsable do proxecto estrutural definitivo: unha ponte colgante sen apoios intermedios, suxeita unicamente no istmo e nun punto firme do camiño de entrada, onde se colocarán bases de formigón.
Esta intervención forma parte dos esforzos por preservar a contorna natural do Fuciño do Porco, ao tempo que se aposta pola seguridade e a accesibilidade dun lugar que se consolidou como un referente turístico en Galicia.