O Vicedo aposta pola formación tecnolóxica con obradoiros de robótica para nenas e nenos

O Concello do Vicedo, a través da Aula CeMIT, pon en marcha este mes de xullo unha nova proposta educativa destinada a achegar as crianzas ao mundo da robótica e da tecnoloxía. Trátase de obradoiros gratuítos pensados para diferentes tramos de idade, cun enfoque lúdico e práctico que busca espertar o interese pola ciencia e a innovación desde a infancia.
As actividades están estruturadas por franxas de idade e contan con datas e horarios diferenciados. Para nenos e nenas a partir de 7 anos, o curso comeza o 23 de xullo e celebrarase os mércores de 10:00 a 12:00 horas. O grupo de 9 anos en diante iniciará as sesións o 18 de xullo, cun horario fixado para os venres entre as 11:30 e as 13:30 horas. Por último, para rapazada de 11 anos en diante, as clases comezarán o 14 de xullo e desenvolveranse os luns, tamén de 11:30 a 13:30 horas.
Desde a organización destacan o carácter gratuíto da actividade, que conta co respaldo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e do programa CeMIT, cuxo obxectivo é favorecer a inclusión tecnolóxica e dixital en todo o territorio galego. As inscricións xa están abertas e poden formalizarse a través do correo electrónico cemit.ovicedo@xunta.gal ou no teléfono 982 59 01 95.
A iniciativa busca dar continuidade á aposta do Vicedo por unha educación dinámica e adaptada aos retos do século XXI, brindando ferramentas para que as novas xeracións comprendan e participen activamente na sociedade tecnolóxica actual.