O Vicedo afonda na memoria histórica cunha nova edición das xornadas organizadas por Nordés

AMariñaXa
A XV edición de “Memoria dun Tempo” trae conferencias, cine documental, homenaxes e música entre o 21 e o 23 de agosto
2016.-Algas,-a-esencia-dos-nosos-mares-Nordes-
9 Aug 2025

O Vicedo converterase novamente nun espazo para a reflexión, a memoria e a cultura coa celebración da XV edición das xornadas “Memoria dun Tempo”, organizadas pola asociación Nordés. Do 21 ao 23 de agosto, o municipio acollerá diversas actividades que afondan na recuperación da memoria histórica e no recoñecemento de loitas silenciadas, especialmente as protagonizadas por mulleres durante o franquismo.

O programa comezará o xoves 21, ás 20:00 horas, no salón de actos da Casa da Cultura do Vicedo. A arqueóloga Laura Martínez Panizo, integrante do Proxecto Sputnik Labrego, será a encargada de presentar o libro “Ciudad de la Selva (Historia e arqueoloxía da guerrilla nos montes de Casaio)”, un traballo que afonda nos restos materiais e vivencias da resistencia antifranquista nos montes de Casaio, en Ourense. Tras a presentación, proxectarase o documental “Ciudad de la Selva. Fuxidos e guerrilleiros nos montes de Casaio”, dirixido por Miguel Riaño Roa, quen tamén estará presente para comentar a obra e compartir co público o proceso de creación.

O venres 22, tamén ás 20:00 horas na Casa da Cultura, as protagonistas serán as mulleres galegas que desafiaron a ditadura. O bloque titulado “Resistencias e protestas en feminino na Galiza durante o franquismo” incluirá dúas intervencións. A primeira, a cargo de Tamara López Fernández, investigadora posdoutoral da Xunta de Galicia dentro do proxecto GESUSA (Instituto de las Mujeres), tratará sobre “Prácticas clandestinas, saberes prohibidos. A interrupción do embarazo na ditadura franquista”. Ás 20:45 será a quenda de Ana Cabana Iglesia, profesora titular da USC e tamén integrante do proxecto GESUSA, quen falará sobre “As mulleres diante. A protesta rural durante o franquismo en clave de xénero”.

O sábado 23 estará marcado pola homenaxe e a música. Ás 13:00 horas terá lugar, xunto ao monólito da Ponte Vella de O Barqueiro, a XIII Homenaxe ás persoas republicanas e libertarias, un acto aberto á participación cidadá, no que se convidará a compartir testemuños, poemas e lembranzas.

Xa pola noite, ás 22:00 horas, o salón de actos da Casa da Cultura volverá acoller público para o recital “As Voces do pobo. Lembrando a Voces Ceibes”, que correrá a cargo de Miro Casabella e Andrés Rodríguez, e que servirá de peche musical e emotivo a unhas xornadas centradas na recuperación da memoria colectiva.

⚙ Configurar cookies
0.56872606277466