O Vicedo activa o programa “Xantar na Casa” para garantir unha alimentación equilibrada ás persoas máis vulnerables

O Concello do Vicedo vén de anunciar mediante un bando municipal a continuidade e dispoñibilidade do programa “Xantar na Casa”, un servizo de comida a domicilio pensado para asegurar unha alimentación equilibrada, segura e adaptada ás necesidades das persoas máis vulnerables do municipio. A iniciativa, impulsada pola administración local, busca facilitar o acceso a menús adecuados a aqueles veciños que presentan dificultades para elaborar ou mercar os seus propios alimentos.
Segundo explica o alcalde-presidente, José Jesús Novo Martínez, o programa está destinado a persoas maiores de 60 anos cunha autonomía limitada, a dependentes con discapacidade que carezan de apoio familiar e a cidadáns en situación de exclusión social que conten cun informe técnico dos servizos sociais municipais. O obxectivo é ofrecer unha resposta inmediata a quen non pode suplir por si mesmo as necesidades nutricionais básicas.
O servizo inclúe tanto a preparación dos menús coma a súa entrega diaria no domicilio, priorizando a calidade dos alimentos e a súa adaptación a cada situación persoal. O Concello lembra que só poderán acceder ao programa aquelas persoas empadroadas e con residencia efectiva no Vicedo que cumpran os criterios establecidos no bando.
Desde a alcaldía sublíñase que esta medida pretende reforzar a protección social no municipio e garantir que ningún veciño en situación de vulnerabilidade quede sen un apoio fundamental como é o acceso a unha alimentación axeitada.