O Vicedo acollerá un taller de musicoterapia para mellorar o benestar físico e emocional

AMariñaXa
A actividade, organizada polo Servizo Galego de Saúde, celebrarase o 14 de novembro na Casa da Cultura e está aberta a toda a poboación
casa-da-cultura-do-vicedo
11 Nov 2025

A Casa da Cultura do Concello do Vicedo converterase o vindeiro 14 de novembro nun espazo dedicado á musicoterapia, coa celebración dun obradoiro promovido polo Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde. A iniciativa desenvolverase entre as 16.30 e as 20.30 horas, e está dirixida a pacientes, familiares e público en xeral.

O obxectivo principal do taller é previr e axudar a incrementar ou restablecer a saúde física e mental a través da música, favorecendo o mantemento cognitivo, social, motriz e emocional das persoas participantes. Segundo a organización, trátase dun espazo pensado para promover o benestar, a tranquilidade e a autorrealización, e para que cada asistente poida beneficiarse tamén a nivel cognitivo e motor.

O profesor Damián Cairo Touriño, docente do Conservatorio Profesional da Coruña, será o encargado de guiar a sesión. O programa inclúe actividades prácticas e dinámicas grupais, nas que se traballarán diferentes aspectos relacionados coa percepción sonora, o movemento corporal e a creatividade musical.

Entre as propostas destacan exercicios de memoria auditiva, identificación de estilos musicais, traballo corporal vinculado ás emocións, cantos galegos tradicionais e baile lúdico para fomentar a distensión e a cohesión grupal.

O taller estrutúrase en varias áreas de traballo:

  • Área cognitiva, centrada en estimular a memoria e a concentración;
  • Área emocional, orientada a mellorar a autoestima e facilitar a expresión de sentimentos;
  • Área física, baseada na mobilización corporal e o equilibrio;
  • Área social, dirixida a fortalecer as relacións e o sentido de pertenza ao grupo.

As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao 982 590 029 e preguntando por Verónica ou Cristina, facilitando o DNI, teléfono e dirección. A participación é de balde ata completar aforo.

aula-cemit-vicedo-cursos
⚙ Configurar cookies
0.072483062744141