O Vicedo acollerá en agosto as XV Xornadas "Memoria dun Tempo"

O Concello do Vicedo será o escenario das XV Xornadas "Memoria dun Tempo", un encontro anual que chega á súa décimo quinta edición e que se celebrará os días 21, 22 e 23 de agosto de 2025. A organización vén de anunciar as datas e avanza que en breve se dará a coñecer o programa completo de actividades.
Baixo o lema da memoria e a recuperación histórica, as xornadas ofrecerán relatorios, proxeccións audiovisuais, espazos abertos de debate e participación cidadá, ademais de concertos e propostas culturais para todos os públicos. A cita pretende ser, un ano máis, un punto de encontro para a reflexión colectiva e o recoñecemento das loitas do pasado.
A organización anima a marcar xa as datas no calendario e destaca que esta edición terá un formato diverso e participativo, no que a música e a palabra convivirán co pensamento crítico, dando continuidade ao espírito co que naceu esta iniciativa hai xa máis dunha década.
En próximas datas anunciarase a programación detallada con todos os horarios e participantes, mais desde a coordinación lembran que “o importante é reservar xa os días para compartir memoria, cultura e compromiso no Vicedo”.
