O Vicedo acollerá a sede lucense do pioneiro Museo da Identidade Cultural Galega

AMariñaXa
A inauguración será o 7 de xuño no lugar de Xestoso, cun espazo expositivo ao aire libre dedicado á cultura e á mocidade
Vicedo-teatro-das-Cortes-VIcedo-Galicia-Latente
29 May 2025

O Vicedo será o epicentro da identidade cultural galega coa apertura da sede provincial de Lugo do novo Museo da Identidade Cultural Galega, un proxecto impulsado pola Asociación Volta e Dálle e o colectivo Galicia Latente. A inauguración terá lugar o vindeiro 7 de xuño no lugar de Xestoso, na parroquia de Cabanas, moi preto do Teatro das Cortes, consolidando así o municipio como referente patrimonial e cultural en toda Galicia.

Segundo destacan desde a organización, trátase dun espazo "sen precedentes en Europa", que busca visibilizar, preservar e difundir os trazos esenciais que conforman a identidade galega a través da etnografía, a imaxe e a participación cidadá. A súa peculiaridade reside non só no contido, senón tamén na forma: será un museo ao aire libre, integrado no territorio e deseñado como experiencia viva.

Con unha inversión inicial de apenas 500 euros, o museo reivindica o valor da creatividade, a autoxestión e o compromiso coa cultura. O espazo estará estruturado en tres áreas diferenciadas. A primeira será unha exposición permanente formada por trinta imaxes de gran formato, resultado do traballo de campo realizado polo proxecto Galicia Latente, que recolle fitos etnográficos da vida tradicional galega, dende oficios esquecidos ata celebracións locais.

A segunda zona terá carácter temporal e instalarase nun invernadoiro rehabilitado, que servirá como sala para exposicións monográficas arredor de diversas temáticas culturais e sociais vinculadas á memoria, ao territorio ou ás transformacións do rural galego.

A terceira área estará especialmente dirixida á mocidade e xirará arredor das novas tecnoloxías e a linguaxe dixital. Os contidos desta sección poderanse explorar a través de códigos QR situados en puntos clave da exposición, creando un diálogo interxeracional entre tradición e modernidade.

Con este proxecto, O Vicedo dá un novo paso como destino cultural innovador e sostible, ofrecendo unha experiencia educativa e sensorial que aspira a medrar co tempo. A proposta, que nace con vocación de futuro, promete converterse nun recurso turístico e formativo de referencia non só na Mariña, senón en toda Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.11602377891541