O Vicedo acolle unha xornada para obter o certificado dixital no acto

A Casa da Cultura de O Vicedo será escenario o vindeiro martes 3 de marzo, en horario de mañá, dunha nova edición das xornadas de apoio á cidadanía para facilitar a relación coa Administración do Estado. A iniciativa permitirá ás persoas asistentes resolver dúbidas, recibir asesoramento individualizado e, sobre todo, obter no momento o certificado dixital e a clave permanente.
Durante a sesión, técnicos da Subdelegación do Goberno desprazaranse ao municipio para tramitar directamente estes sistemas de identificación electrónica, que quedarán instalados no teléfono móbil ou listos para incorporar ao ordenador persoal. Trátase dunha oportunidade pouco habitual, xa que xeralmente este procedemento require acudir a oficinas específicas, como as da Axencia Tributaria.
O certificado dixital permite realizar trámites en liña con diferentes administracións públicas, como concellos, a Xunta de Galicia, a Seguridade Social, a Axencia Tributaria, a Dirección General de Tráfico ou o Catastro, entre outras. Ademais de presentar solicitudes e consultar expedientes, tamén posibilita a sinatura electrónica de documentos con plena validez legal.
Co fin de garantir unha atención áxil, estableceranse quendas de aproximadamente quince minutos. As persoas interesadas poden reservar cita previamente acudindo á propia Casa da Cultura ou chamando por teléfono.