O Vicedo acolle un campamento dixital gratuíto para nenos e nenas de 9 a 13 anos

O Concello do Vicedo, a través da Aula CeMIT, será o escenario dun novo Campamento Dixit@l, unha actividade formativa totalmente gratuíta dirixida a rapaces e rapazas de entre 9 e 13 anos que desexen mellorar as súas competencias dixitais. O programa desenvolverase do 30 de xuño ao 11 de xullo, de luns a venres en horario de mañá, entre as 10:00 e as 13:00 horas.
Este proxecto, impulsado pola Fundación Cibervoluntarios dentro do Programa CODI (Competencias Dixitais para a Infancia), ten como obxectivo ensinar ás novas xeracións a empregar Internet e as ferramentas dixitais de maneira segura, creativa e consciente. Os participantes realizarán aventuras, retos e misións adaptadas á súa idade, nas que adquirirán coñecementos prácticos sobre seguridade en liña, privacidade, verificación de información e bo uso das redes sociais.
Entre os contidos destacan a aprendizaxe para buscar información fiable, crear contido dixital, protexer datos persoais, recoñecer noticias falsas ou detectar situacións de ciberacoso. Ademais, fomentaranse hábitos saudables de uso das pantallas e boas prácticas para o benestar dixital.
As prazas son limitadas e o prazo de inscrición remata o 11 de xuño. As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a súa matrícula na Casa da Cultura do Vicedo ou a través do teléfono 982 59 01 95 e do correo electrónico cemit.ovicedo@xunta.gal.