O Vicedo acolle a VII edición do Festival das Lembranzas con música e baile tradicional

O Vicedo prepárase para vivir unha nova xornada de celebración da cultura popular coa chegada da sétima edición do Festival das Lembranzas, unha cita xa consolidada no calendario festivo da Mariña. O evento terá lugar o sábado 19 de xullo, a partir das 19:30 horas, no local da Asociación Recreativa e Cultural Os do 21, organizadora da actividade.
Este festival, que ten como obxectivo manter viva a tradición do folclore galego e promover o intercambio cultural, contará coa actuación de dous grupos. Por unha banda, a agrupación anfitrioa Os do 21, que representa ao Vicedo e leva anos traballando pola preservación da música e o baile tradicional. Por outra, o grupo convidado nesta edición será Inquedanzas, procedente de Pazos de Reis (Tui), recoñecido polo seu traballo de recuperación e difusión do patrimonio etnográfico do sur de Galicia.
Dende a organización destacan que o Festival das Lembranzas é unha oportunidade para compartir diferentes expresións culturais e seguir fortalecendo os lazos entre colectivos dedicados ao folclore. A cita conta coa colaboración do Concello do Vicedo e da Deputación de Lugo.
O público poderá gozar dunha tarde de danza, música e tradición, nun ambiente familiar e festivo, onde o traxe tradicional e os sons da gaita, do tamboril e da pandeireta serán os verdadeiros protagonistas.