O Vicedo abre o prazo para solicitar as axudas municipais de transporte escolar

O Concello do Vicedo vén de anunciar a apertura do prazo para solicitar as axudas municipais destinadas ao transporte escolar do curso 2024-2025, dirixidas ao alumnado que curse estudos non obrigatorios, como Bacharelato, Formación Profesional ou ensinanzas universitarias.
Segundo explicou a alcaldesa en funcións, María Pilar Otero Insua, estas subvencións teñen como obxectivo apoiar ás familias do municipio e facilitar o desprazamento diario do estudantado que precisa trasladarse a outros concellos para asistir ás aulas.
As persoas interesadas poden presentar a súa solicitude nas oficinas municipais ata o 7 de novembro de 2025, achegando a documentación requirida: o formulario oficial dispoñible no Concello, fotocopia do DNI, certificación bancaria e declaracións xuradas.
No caso do alumnado universitario, deberase presentar tamén unha copia cotexada da matrícula e un extracto do expediente que acredite ter superado, polo menos, o 50 % das materias do curso 2024-2025. Pola súa parte, o alumnado de Bacharelato ou Formación Profesional terá que achegar o boletín de cualificacións ou unha certificación académica que acredite o mesmo requisito.
Desde o Concello lembran que todas as bases da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) nº 231 do 8 de outubro de 2025 e no taboleiro de anuncios municipal.
Con esta iniciativa, o Goberno local reafirma o seu compromiso coa educación e coa igualdade de oportunidades, axudando ás familias a asumir os custos derivados do transporte escolar en etapas posteriores á obrigatoria.