O vertido de purín no Landro provoca un enfrontamento político en Viveiro
O vertido de zurro acontecido no mes de xuño no río Landro continúa xerando tensión política en Viveiro. Tanto o BNG como o PSOE critican a decisión da alcaldesa, Mariña Gueimunde, de denegar a celebración dun pleno extraordinario solicitado pola oposición para dar explicacións sobre este episodio, que provocou preocupación social e afectou ao subministro de auga durante o verán.
A voceira municipal do BNG, Iria Cotelo, cualificou a negativa de “xesto covarde” e acusou a rexedora de reiterarse na súa falta de transparencia. “Non se comprende que anuncie publicamente a convocatoria dun pleno e días despois recuase. Esa actitude xera máis dúbidas ca certezas”, asegurou. Cotelo lembrou que esta é a cuarta vez que se denega información sobre este asunto e lamentou que a corporación “teña que informarse polos medios de comunicación”.
Na mesma liña, o PSOE criticou que a alcaldesa “nin sequera convocase unha xunta de voceiros no seu momento” e acusouna de actuar “con soberbia” no pleno de agosto, onde —segundo denunciaron— non permitiu réplica á oposición. María Loureiro, voceira socialista, subliñou que en mandatos anteriores non houbo reparos en dar explicacións públicas, aínda que os requisitos formais non estivesen cumpridos ao detalle. “A transparencia e o dereito da veciñanza a estar informada sempre foron prioritarios”, dixo.
Pola súa parte, o Concello respondeu lembrando que o Regulamento Orgánico Municipal establece que as comparecencias deben tratarse en plenos ordinarios e non en sesións extraordinarias. Por iso, o asunto quedará incorporado á orde do día do pleno previsto para o 1 de outubro. Ademais, desde o executivo local subliñan que “non hai nada que ocultar” e acusan a oposición de querer “confundir á cidadanía cunha petición que non se axusta á normativa”.
Co obxectivo, din, de ofrecer información con celeridade, a alcaldesa convocou para este xoves 18 de setembro unha reunión de voceiros na que se dará conta dos datos dispoñibles ata o momento.
O debate sobre a xestión do vertido e a resposta institucional seguirá, pois, presente na vida política viveirense ata o pleno de outubro, onde o asunto será abordado formalmente.