O verán deixou en Burela 6.375 visitas na oficina de información turística
O Concello de Burela mellora un ano máis as cifras de visitantes nos meses de xullo e agosto, correspondentes á tempada estival. Segundo os datos proporcionados pola Oficina de Turismo de Burela, o verán de 2023 atendeu un total de 6.375 solicitudes de información turística, o que representa un incremento do 2,71% respecto a 2022.
“O sector turístico continúa mellorando en Burela, superando as cifras de 2022, que xa foran históricas. Isto demostra que as estratexias de promoción turística están funcionando e fan de Burela un destino atractivo para pasar as vacacións”, sinala Ramiro Fernández, concelleiro de Turismo, quen insistiu na importancia “do retorno económico do turismo na vila, que beneficia á hostalaría e ao comercio, que é o noso principal obxectivo”.
Entre os usuarios atendidos, o turismo nacional segue destacando sobre o turismo estranxeiro, destacando os turistas franceses no conxunto dos visitantes internacionais. Neste sentido, Madrid continúa a ser a principal comunidade autónoma que vista a vila, representando o 39,8% do total de turistas que gozaron de Burela este verán. Castela e León xunto ao País Vasco son as seguintes comunidades de orixe máis habituais nos turistas.
En agosto, un notable 34,3% dos usuarios da oficina de información elixiron pernoctar en Burela, mentres que outros optaron por aloxarse en diferentes lugares da comarca. En canto ás motivacións dos visitantes, as razóns seguen sendo as mesmas que en anos anteriores: o clima temperado, as paisaxes verdes e a costa, xunto coa gastronomía local. Dende a Oficina de Turismo observouse ademais un aumento dos usuarios, procedentes doutros puntos de España, que adquiren segundas residencias en Burela.
Neste sentido, o edil recorda que a celebración esta fin de semana do festival Osa do Mar “dará continuidade ás positivas cifras turísticas deste verán, con eventos que aumentan os visitantes á vila de Burela”.
O Concello de Burela continuará traballando na mesma liña, promovendo un turismo familiar e sostible, ofrecendo unha variedade de actividades que foron moi ben recibidas polos visitantes, como as Rutas Xeolóxicas, a Ruta de Peixe, o Barco Museo e a Visita á Conserveira, entre outras. Neste sentido, o concelleiro de Turismo agradeceu o traballo da técnica de Turismo e do Guía do Barco Museo, “polo seu gran traballo de información e divulgación de todos os atractivos turísticos de Burela”.