O Vencello, unha voz entre a memoria, a vixilancia e o futuro

Por Ana Somoza.
A Asociación O Vencello de Burela leva máis de corenta e cinco anos sendo unha das principais referencias do movemento veciñal na vila. Á fronte do colectivo atópase Bríxida Pino, presidenta dunha entidade que naceu coa vocación de unir á veciñanza arredor das necesidades comúns e que, co paso do tempo, se converteu nun axente crítico e vixiante do funcionamento municipal. A través da súa voz, O Vencello reivindica servizos, denuncia deficiencias e tenta manter viva unha forma de participación que, segundo advirte, está cada vez máis ameazada.
ORIXES. A historia de O Vencello remóntase a 1978, nun contexto social e institucional moi diferente ao actual. Segundo explica Pino, a asociación xurdiu “da man dun grupo de persoas moi vencelladas ao ensino”, entre as que destacaban varios mestres do entón colexio Virxe do Carme, hoxe coñecido como CEIP Os Castros. O primeiro presidente foi Aníbal Otero, tamén docente, nun momento no que Burela nin sequera era concello independente.
A presidenta lembra que o nome da asociación non foi casual. “Supoño que se escolleu polo que nos unía, pola memoria, pola vila”, apunta, explicando que o concepto de vencello facía referencia a ese lazo invisible que conectaba ás persoas coa súa parroquia. O obxectivo inicial era claro: “unir a todos os habitantes de Burela”, nun tempo no que a localidade estaba en pleno proceso de transformación.

NECESIDADES. Naqueles primeiros anos, Burela experimentaba un crecemento poboacional acelerado, ligado ao desenvolvemento económico e á actividade marítima. Ese aumento trouxo consigo novas demandas. “As preocupacións eran moi claras”, sinala Pino, lembrando reivindicacións históricas como a creación do parque ou a construción do hospital. O Vencello situouse desde o inicio “no medio de todas as inquedanzas que había na vila”, actuando como intermediario entre a cidadanía e as administracións.
A asociación funcionaba como un espazo de debate e presión social nun tempo no que a participación veciñal era máis directa. “Había representantes de todos os barrios”, recorda a presidenta, destacando unha implicación cidadá que hoxe considera difícil de recuperar.
MEMORIA. Ao facer balance dos primeiros pasos do colectivo, Pino recoñece que moita da súa memoria persoal está ligada ás actas antigas da asociación. “Son unha marabilla”, afirma, describíndoas como unha auténtica lección de historia local. Eses documentos recollen momentos clave para Burela, como o proceso de segregación do Concello de Cervo nos anos noventa, que marcou profundamente á entidade.
“Foi un momento moi problemático”, admite, explicando que O Vencello tivo un papel activo nun debate que xerou tensións e mobilización social. A asociación, di, sempre estivo “moi implicada no tecido social e na reivindicación dos servizos”, asumindo un rol incómodo pero necesario.
EVOLUCIÓN. Para Bríxida Pino, non hai dúbida de que O Vencello evolucionou co paso do tempo, aínda que recoñece que o contexto actual non xoga ao seu favor. “Os tempos non acompañan”, resume. A presidenta lamenta que a xente nova sexa “moi reticente a implicarse”, limitando a súa participación á expresión nas redes sociais. “Iso aquí non vale”, advirte, insistindo en que “hai que facer as cousas ben, polos canles correctos”.
Na actualidade, O Vencello conta con arredor de 460 socios e socias, o que a converte, segundo destaca Pino, “na asociación con máis afiliación da vila”. Aínda así, o perfil maioritario é de persoas adultas, cunha escasa renovación xeracional que preocupa seriamente á directiva.
“Expresarse nas redes sociais non chega; hai que facer as cousas polas canles correctas”
VIXILANCIA. Un dos trazos que define ao colectivo é a súa actitude vixiante respecto ao estado do municipio. As queixas que chegan á asociación son variadas e recorrentes. “O tema do aparcamento é unha das preocupacións máis continuadas”, explica Pino, aínda que recoñece que se trata dun problema común a moitos concellos. A vivenda é outro dos grandes eixos de preocupación. “É un tema que preocupa moito”, afirma, sinalando que Burela dispón de solo suficiente para construír e mesmo para ofrecer á Xunta. As beirarrúas en mal estado, “nas que cae a xente ou nas que te salpican os coches”, son outra fonte constante de reclamacións.
Hai tamén problemas máis localizados, como o deterioro da igrexa da Vila do Medio, que preocupa á veciñanza desde hai anos. “Falamos varias veces cos partidos políticos”, explica Pino, denunciando a falta de intervención tras o esforzo realizado para recuperar o edificio, que permanecera abandonado durante tempo. Outras cuestións que chegan a O Vencello teñen que ver co cemiterio da Puída, a ausencia de alumeado de Nadal en determinadas zonas, as instalacións deportivas da Marosa, os cortes de tráfico sen aviso previo ou a falta dun técnico de Urbanismo no Concello. “Hai cousas difíciles de entender”, afirma, mencionando tamén a permanencia da cita previa implantada durante a Covid como un obstáculo para a cidadanía.
PRIORIDADES. Se tivese que sinalar tres melloras urxentes para Burela, Pino non dubida. “O primeiro é a vivenda”, asegura, subliñando que sen ela é imposible fixar poboación. Desde O Vencello reclaman que o Concello active a promoción de vivenda protexida mediante a cesión de solo municipal, especialmente en zonas como Torrentes. Segundo denuncian, “despois de 20 anos da aprobación da unidade urbanística, a zona segue nun limbo legal”. A segunda prioridade é a información municipal. “É un servizo esencial para a cidadanía”, afirma, reclamando máis persoal técnico e mellor atención. A terceira é a creación de aparcadoiros, unha demanda recorrente que consideran clave para mellorar a mobilidade.
CANLES. A asociación mantén un funcionamento clásico, afastado das dinámicas dixitais. “Sempre empregamos as canles verbais”, explica Pino. As persoas achegan as súas queixas “pola rúa, por teléfono ou nas xuntanzas”. O Vencello non ten redes sociais e, unha vez recollidas as demandas, estas trasládanse ao Concello a través do Rexistro oficial.
Sobre o estado xeral do municipio, a presidenta considera que “hai cantidade de cousas que se poderían mellorar”, especialmente tendo en conta que se trata de cartos públicos. “Hai preocupacións que levan paralizadas no tempo”, lamenta, denunciando a falta de resposta por parte das administracións. A relación co Concello non é sinxela. “Moitas veces é como ter un muro diante”, resume. O sentimento de non ser escoitados é recorrente. “Mandamos documentos e preguntas e non contestan”, explica, recoñecendo que o silencio administrativo é legal, “pero non está ben”.
“As actas antigas da asociación son unha marabilla, son unha lección de historia de Burela”
ACTIVIDADES. Máis alá da reivindicación, O Vencello desenvolveu varias actividades culturais e divulgativas nos últimos anos. En 2018 organizou unha mostra sobre os cen anos da escola pública en Burela. En setembro de 2024, a asociación impulsou unha exposición sobre as escolas de indianos, consideradas os primeiros edificios públicos de ensino da vila. “Gastamos un montón de cartos, pero valeu a pena”, afirma Pino, orgullosa dunha mostra que tivo “unha aceptación plena”. A asociación traballou nun proxecto para recrear unha aula tradicional coa colaboración do Museo Pedagóxico de Galicia e na organización dunha mesa redonda sobre as escolas indianas. O Vencello tamén participou nos actos do centenario da Confraría de Pescadores e organizou charlas sobre cambios catastrais ou urbanismo, mantendo unha actividade constante malia as dificultades.
FUTURO. Ao imaxinar Burela dentro de dez ou quince anos, Bríxida Pino expresa un desexo claro: “Gustaríame que a xente nova se asentara na vila”. Soña cunha Burela na que a mocidade poida regresar tras formarse e facer aquí a súa vida. “Iso sería o mellor do mundo”, afirma, aínda que recoñece que é un círculo complexo que require vivenda, servizos e emprego. Como presidenta, liderar O Vencello supón para ela estar conectada co presente e co pasado. “Ler os libros de actas é unha pasada”, di, asegurando que a mantén implicada na vida social da vila.
A súa mensaxe final á veciñanza é directa: “Que se impliquen”. Pide participación nas asociacións, non só en O Vencello, porque “custou moito crealas” e son “esencia pura de Burela”. “Que non as deixen morrer”, conclúe, lembrando que non son cousas do pasado, senón ferramentas para construír o futuro.