O Vencello reclama á alcaldesa de Burela máis compromiso co presente e futuro da vila

AMariñaXa
A entidade cultural valora positivamente a difusión da historia local en redes sociais, pero reclama actuacións urxentes en patrimonio, infraestruturas deportivas e espazos públicos
burela-vista
22 Aug 2025

A asociación O Vencello de Burela fixo público un comunicado no que se dirixe á alcaldesa, Carmela López Moreno, para pedir que combine a súa intensa actividade en redes sociais coa resolución de problemas actuais que afectan á vila.

Segundo recorda a entidade, “ninguén dubida da implicación da rexedora en internet, onde informa a diario das súas xestións municipais e mesmo comparte contidos de carácter divulgativo sobre a historia local”. Desde O Vencello consideran positiva esta aposta pola comunicación, mais engaden que “ás veces botamos en falta a mesma intensidade á hora de responder a peticións formuladas oficialmente a través do rexistro de entrada”.

O colectivo cultural pon como exemplo un dos últimos vídeos difundidos pola alcaldesa, no que amosaba imaxes e lembranzas de construcións que tiveron relevancia en Burela, como antigas tascas da Vila do Medio e da rúa Pascual Veiga, a casa que acolleu un primitivo salón de baile ou o edificio proxectado para o cine Mon. “Sempre é bo coñecer de onde vimos e como era a Burela do pasado, pero tamén cómpre falar do que pretendemos ser”, insisten.

Entre as demandas concretas, O Vencello solicita avances no coidado da antiga igrexa parroquial, un edificio histórico que, segundo subliñan, non recibe intervencións de conservación desde 2006, cando se actuou parcialmente sobre as súas pinturas murais. “O seu estado é preocupante e cada ano empeora tanto no interior como no exterior”, alertan.

Tamén lembran a necesidade de melloras no campo de fútbol da Marosa, en particular nas bancadas e nos vestiarios, “unha obra reclamada dende hai anos e que segue sen materializarse”. Outro dos puntos que sinalan é a posta en valor dos terreos dos Castros, lugar onde apareceron pezas de grande valor como o Torques e a Arracada castrexa. “Sería desexable que Burela seguise o exemplo de concellos próximos como Xove ou Cervo, que desenvolven proxectos arqueolóxicos para consolidar os seus castros”, apuntan.

Finalmente, a asociación propón unha solución para o inmoble ruinoso que ía acoller o cine Mon: que o Concello negocie coa propiedade para adquirilo ou derrubalo, e que ese espazo se destine a aparcadoiro público, dado que se atopa nunha zona con forte déficit de prazas.

En conclusión, O Vencello sinala que “é bo coñecer o noso pasado, pero máis importante resulta definir con claridade que futuro queremos e poñer os medios para conseguilo”.

⚙ Configurar cookies
0.19475603103638