O Vencello insta ao Concello de Burela a actuar ante a crise da vivenda no municipio

AMariñaXa
A entidade veciñal reclama medidas para fomentar a vivenda protexida, rehabilitar pisos sen rematar e desbloquear a urbanización de Torrentes
burela-vista
4 Jun 2025

A Asociación de Veciños O Vencello alerta da crecente dificultade que moitas familias de Burela están a sufrir para acceder a unha vivenda digna e asequible. A entidade sinala que, coma no resto do Estado, a crise habitacional tamén afecta con forza ao municipio, onde a escaseza de oferta e os prezos desorbitados do mercado inmobiliario deixan fóra de xogo a boa parte da veciñanza.

Desde O Vencello critican a inacción do Goberno local e cuestionan a utilidade do anuncio feito pola alcaldesa en febreiro sobre a limitación das vivendas turísticas, unha medida que, consideran, “non solucionará o problema da vivenda e mesmo podería agravalo”.

A asociación propón bonificacións e axudas aos propietarios de pisos sen rematar, especialmente das décadas dos 80 e 90, para incentivar a súa rehabilitación. Ademais, piden que o Concello active a promoción de vivenda protexida mediante a cesión de solo municipal, como xa fixo recentemente o Concello das Pontes. Esta iniciativa podería desenvolverse en Torrentes, onde, segundo denuncian, “despois de 20 anos da aprobación da Unidade Urbanística, a zona segue nun limbo legal e sen avanzar na súa urbanización”.

Para O Vencello, a solución pasa por unha estratexia combinada: desbloquear Torrentes, facilitar a vivenda social e rehabilitar o patrimonio existente. “O Concello debe deixar de mirar cara outro lado e tomar decisións valentes para garantir o dereito a unha vivenda digna en Burela”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.16362500190735