O Vencello de Burela solicita o arranxo dos camiños municipais
A Asociación de Veciños O Vencello de Burela manifesta a súa preocupación polo estado de conservación das vías rurais do concello. Por este motivo, remiten un escrito ao Concello solicitando que os responsables municipais cumpran co seu deber legal e acometan as necesarias labores de mantemento nas vías rurais que figuran no inventario de bens municipais. “É esencial que todas as veciñas e veciños do noso termo municipal poidan facer uso destas infraestruturas sen riscos e con plena seguridade”.
Entenden que o equipo de Goberno municipal debería dar exemplo, cumprindo coa súa obriga de conservar e manter os camiños e vías rurais baixo a súa competencia, coa mesma dilixencia coa que se esixe aos propietarios de fincas o mantemento e limpeza da vexetación.
Trátase de camiños que, a pesar de estar fóra do casco urbano, son fundamentais para a vertebración do territorio e son utilizados acotío polos veciños. Porén, denuncian que a prolongada falta de mantemento, sumada ás choivas, provoca que os propietarios das fincas colindantes non poidan acceder ás súas propiedades. Ademais, esta situación impide que o resto da veciñanza poida transitar por estas vías para o seu lecer e desfrute das actividades ao aire libre.