O Valadouro vive un novo episodio de tensión política durante o pleno sobre a modificación orzamentaria

AMariñaXa
O PSOE critica a “falta de transparencia” do alcalde José Manuel Lamela e cuestiona o incremento de 155.000 euros en gastos, a segunda modificación desde maio
PSOE-Valadouro-Maria-Xose-Barreira
19 Nov 2025

O último pleno municipal de O Valadouro deixou de novo en evidencia a forte confrontación entre o grupo de goberno —integrado por Partido Popular e Udival— e a oposición. A sesión, centrada na aprobación dunha nova modificación orzamentaria, estivo marcada por reproches cruzados e pola esixencia de explicacións que, segundo a oposición, non chegaron. “De Udival non podemos esperar máis que o cambio de postura e falta de coherencia”, apuntaron desde as filas socialistas, lamentando o apoio constante da formación ao PP en decisións que —din— antes criticaban.

O Goberno local levou a debate unha modificación do orzamento de gastos por un importe total de 155.000 euros, o que supón a segunda alteración das contas desde a súa aprobación no mes de maio. Segundo lembrou a concelleira socialista María Xosé Barreira, “con esta operación xa se acumulan case 400.000 euros suplementados desde que se aprobaron os orzamentos en maio de 2025”.

Barreira cualificou de “chamativa” a postura do alcalde, José Manuel Lamela, ao considerar que reproduce prácticas que no pasado criticaba duramente ao anterior rexedor, Edmundo Maseda. “Todo aquilo que recriminou é exactamente o que agora está facendo. Limitámonos a pedir explicacións claras sobre en que partidas se incrementa o gasto e por que motivos”, indicou a edil.

A modificación inclúe 120.000 euros destinados ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), 3.000 euros para OES, 4.000 euros en actividades deportivas e outros 18.000 euros para cultura e festas. Ademais, aparece unha partida específica para asesoramento xurídico, explicación que tamén reclamaron desde o PSOE. Barreira lembrou que o goberno local decidiu non empregar o servizo xurídico gratuíto da Deputación de Lugo, recorrendo á contratación de avogados para asuntos contenciosos e reclamacións abertas contra o Concello.

Outro dos puntos de fricción foi a negativa do alcalde a votar cada partida por separado, a pesar de que —segundo lembra Barreira— o propio Lamela reclamaba este sistema en anteriores mandatos. “Nós estariamos dispostos a apoiar, por exemplo, a suplementación destinada ás actividades de conciliación ou a do SAF, pero quizais non as partidas de festas. Mais el non aceptou dividir a votación”, explicou.

Barreira concluíu cunha crítica directa á forma de gobernar do actual alcalde: “O señor Lamela é o aprendiz dun anterior alcalde do PP que tamén petaba na mesa e dicía: ‘porque eu quero, eu digo e xa está’. Esta maneira de dirixir os plenos non é respectuosa nin propia dun Concello democrático”.

⚙ Configurar cookies
0.070428133010864