O Valadouro rende homenaxe a Manuel Lourenzo cun acto cultural cheo de música e teatro

O Concello do Valadouro prepara unha cita moi especial para lembrar e recoñecer a traxectoria de Manuel Lourenzo, figura esencial da cultura galega. O vindeiro sábado 23 de agosto, ás 20:00 horas, o salón de actos da Casa da Cultura “Manuel Lourenzo” será o escenario dun acto de gratitude organizado polo Seminario de Estudos do Valadouro (SEVA), que reunirá a voces destacadas da literatura, a música e o teatro.
O relatorio central correrá a cargo de Xesús Pisón, quen repasará a pegada do dramaturgo e o seu compromiso coa lingua e co país. A maiores, haberá unha serie de lecturas dramatizadas a cargo de Santiago Fernández, Inma Orol, Daniel Otero, Sabela Quirós, Helena Cornide e Moncho da Lomba, que poñerán voz a fragmentos da obra do homenaxeado.
O apartado musical contará coa presenza de artistas de referencia como Miro Casabella, Ugia Pedreira e Mano Panforreteiro, que ofrecerán interpretacións especiais para acompañar este recoñecemento. A organización destaca que se trata dun encontro aberto a toda a veciñanza, pensado para celebrar colectivamente a memoria e a contribución de Lourenzo á cultura galega contemporánea.