O Valadouro reafirma o seu compromiso co tecido asociativo local

O alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela, reafirmou esta semana durante o pleno municipal celebrado o mércores o apoio incondicional do Concello a todas as asociacións da vila, destacando a importancia de impulsar os proxectos que nacen da iniciativa cidadá.
“No pleno no que se aprobaron os orzamentos para 2025 xa adiantamos que atenderiamos todas as peticións que se presenten debidamente, e seguimos nesa liña”, explicou Lamela. Subliñou que é imprescindible presentar unha solicitude formal acompañada dunha memoria explicativa das actividades que se pretenden desenvolver.
Como exemplo do compromiso co movemento veciñal, o rexedor mencionou a cesión da antiga escola unitaria de Vilacampa á asociación local, co obxectivo de permitir a súa rehabilitación e uso comunitario. Tamén destacou dúas achegas económicas relevantes: 10.000 euros para a asociación de veciños de Vilacampa e outra subvención da mesma contía para a do Cadramón, destinada á construción dunha ponte de madeira xa reclamada en anteriores mandatos.
“Estamos cumprindo cos compromisos adquiridos”, asegurou o alcalde, quen tamén se referiu á tramitación das prórrogas solicitadas polas asociacións para poder xustificar correctamente as subvencións concedidas en anos anteriores. “Non queremos que ningunha entidade perda os fondos polos prazos administrativos”.
En resposta a críticas sobre un suposto trato desigual, Lamela foi contundente: “O señor Chao estivo no goberno varios anos e aínda non sabe nin cantas asociacións hai no concello, esquecendo incluso a de Penas de San Xoán de Alaxe”.
O alcalde concluíu reiterando a disposición do equipo de goberno para escoitar e apoiar ás veciñas e veciños, así como a todos os colectivos que traballan polo ben do Valadouro.