O Valadouro presenta unha ampla programación de Nadal con obradoiros, teatro, música e cine

AMariñaXa
O Concello ofrece actividades durante todo o mes de decembro e comezos de xaneiro, cunha combinación de propostas culturais, lúdicas e familiares
Mercado-de-nadal-xenerica
9 Dec 2025

O Valadouro xa ten lista a súa programación de Nadal 2025/2026, unha oferta diversa que combina cultura, lecer e tradición para todos os públicos. O Concello impulsará ao longo de decembro e comezos de xaneiro unha axenda chea de propostas pensadas tanto para as familias como para o público adulto, con especial atención ás crianzas grazas aos obradoiros incluídos no programa Corresponsables.

As actividades darán comezo o sábado 6 de decembro cunha obra de teatro a cargo de Os Pícaros de Lagoa, mentres que o domingo 14 será a quenda do grupo Abrente coa peza A herencia de Xoana. A música tamén terá o seu espazo o venres 19, co tradicional Concerto de Nadal do grupo Ao Compás do Río Ouro.

O 24 de decembro celebrarase unha das citas máis sinaladas: a Papanoelada Moteira, que partirá do Matadoiro e culminará na Praza Santa María, onde Papá Noel recibirá ás familias e se repartirá chocolate con churros. Xa o venres 26, o Seminario de Estudos do Valadouro presentará o Caderno 17, centrado en catro escritores do municipio.

A programación continuará en xaneiro, cunha proxección de cine infantil o día 2 e coa Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro, que percorrerá as rúas do municipio antes da recepción oficial na Casa da Cultura, acompañada por unha degustación de roscón con chocolate.

De xeito paralelo, tamén se ofrecen obradoiros dirixidos a nenos e nenas de entre 4 e 14 anos, que inclúen actividades de decoración navideña, cociña, manualidades, karaoke, sesións de DJ, gymkana deportiva e un escape room. Desenvolveranse entre o 22 de decembro e o 2 de xaneiro, con inscrición previa entre o 9 e o 16 de decembro.

Con esta programación, o Concello busca promover a convivencia, dinamizar o municipio e ofrecer alternativas de lecer de calidade durante o período festivo.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

⚙ Configurar cookies
0.090382099151611