O Valadouro prepárase para unha xornada chea de cultura e ambiente festivo co Mercado de Primavera

AMariñaXa
O 28 de marzo haberá mercado, espectáculos, animación de rúa e propostas familiares nunha xornada pensada para dinamizar a vida cultural local
Mercado-de-Primavera-2026-valadouro-XA
28 Mar 2026

O Concello celebrará o vindeiro 28 de marzo unha nova edición do Mercado de Primavera, unha cita xa consolidada que cada ano reúne veciñanza e visitantes arredor da cultura popular, a música e o lecer ao aire libre. A proposta busca converter a vila nun espazo de encontro aberto a todas as idades, no que tradición e ambiente festivo van da man ao longo de toda a xornada.

A actividade comezará ás 10:00 horas coa apertura do mercado, á que seguirá a animación musical de Dambara ás 10:30. A partir das 11:00 terá lugar unha demostración de artesanía, mentres que ás 12:00 será a quenda de Amado Lar. Xa pola tarde, ás 13:00 desenvolverase o Concurso-Desfile de Zocas e Vestimenta tradicional, unha das citas máis esperadas por público e participantes.

A música continuará ás 14:00 coa sesión vermú a cargo de Comando Curuxás, mentres que ás 16:30 haberá xogos tradicionais organizados por VaidaVai e paseos en poni da Granxa do Souto. Ás 17:00, o público familiar poderá gozar do espectáculo de contacontos Romería, de Raquel Queizás, seguido ás 18:30 polos títeres Marionetas do Mundo co seu Cachirulo.

A animación nas rúas estará garantida durante toda a tarde coas actuacións itinerantes de Os Caliqueños (desde as 15:30), Festicultores Troupe (desde as 18:00) e Mekanika (desde as 20:30), enchendo de música e ambiente festivo os distintos espazos da vila. O broche final da xornada chegará ás 22:30 co concerto de Ailá.

Ademais, o mercado contará co espazo Fotoenxebre, situado na subida da igrexa, que poderá visitarse de 11:00 a 13:30 e de 16:30 a 19:00, permitindo aos asistentes levar un recordo da xornada. A clausura do mercado está prevista para as 19:00 horas.

PROGRAMA

0.12797594070435