O Valadouro prepárase para unha nova edición do Concurso de Andadura o 26 de xullo

AMariñaXa
A cita ecuestre reunirá participantes de todas as idades e entregará premios en metálico e trofeos
serra-do-xistral-cabalos
15 Jul 2025

A pista de andadura de O Valadouro acollerá o vindeiro 26 de xullo unha nova edición do Concurso de Andadura, unha cita consolidada no calendario do verán na Mariña lucense e que reunirá afeccionados ao mundo ecuestre chegados de toda a contorna.

A competición desenvolverase en dúas quendas: pola mañá, entre as 10:00 e as 14:00 horas, terá lugar o concurso federado, mentres que pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas, celebraranse as probas de andadura libre, nas que os participantes demostrarán a elegancia, ritmo e técnica das diferentes modalidades.

O evento, organizado polo Club Ecuestre O Valadouro e patrocinado polo Concello do Valadouro, conta coa colaboración da Deputación de Lugo, a Vicepresidencia da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Hípica.

As modalidades nas que se poderá competir inclúen serrada, chapeada e combinadas, tanto na categoría xeral como na sub-16, reservada para os xinetes máis novos. Os premios inclúen trofeos e cantidades económicas: o primeiro premio da categoría absoluta será de 200 euros máis trofeo, mentres que no caso da sub-16, os tres primeiros recibirán trofeos conmemorativos.

A organización informa que o recinto abrirá as súas portas ás 9:30 da mañá, e convida ao público a achegarse para gozar dun espectáculo que combina tradición, habilidade e respecto polos animais. As persoas interesadas en participar poden contactar cos responsables da inscrición a través dos teléfonos facilitados no cartel oficial do evento.

⚙ Configurar cookies
0.1583788394928