O Valadouro celebrará as Festas do 8 con música, tradición e diversión para todas as idades

O Valadouro vivirá do 6 ao 9 de setembro as súas tradicionais Festas do 8 na honra da Nosa Señora, cun programa cheo de música, sabor e convivencia. A programación arrincará o venres 6 cunha sesión vermú amenizada por Primera Línea e continuará coa primeira mexillonada popular gratuíta, á que seguirá unha gran churrascada organizada polo Bar Fénix de Castro de Rei. A xornada rematará coa música de The Sound Project e o DJ Somiux.
O sábado 7 a Asociación Cultural Amado Lar abrirá a mañá, e pola tarde o protagonismo será para o Grupo Fénix, encargado da sesión vermú e tamén da verbena nocturna, na que compartirán escenario coa discomóbil Conxuro.
O domingo 8 celebrarase a misa solemne ao mediodía, seguida dunha sesión vermú co grupo Mar de Arousa. Xa pola noite, a verbena contará coa actuación de Mar de Arousa e a orquestra Gran Parada.
O luns 9 tamén haberá misa solemne, procesión e concerto da Asociación Cultural O Compás do Río Ouro. A sesión vermú correrá a cargo do Grupo Fussion. A tarde estará pensada para os máis pequenos, co Día do Neno, que incluirá xogos inchables, tobogáns e festa da escuma. O broche final será a verbena da noite, animada polo Grupo Fussion e Combo Dominicano.
Todas as xornadas contarán cun recinto cuberto con carpa, garantindo así a celebración da festa independentemente da meteoroloxía.