O Valadouro prepárase para acoller a XXVIII Concentración de Motos cunha ampla programación

O Valadouro quenta motores para a celebración da súa XXVIII Concentración de Motos, que terá lugar do 1 ao 4 de maio, organizada polo Moto Clube Valadouro coa colaboración da Xunta de Galicia. O delegado territorial en Lugo, Javier Arias, xunto ao presidente do club, Simón Rubal, e o alcalde, José Manuel Lamela, presentaron esta mañá os detalles dunha cita que xa conta con máis de 500 participantes rexistrados.
A programación arrincará o xoves pola noite cos concertos do grupo Keepers, mentres que o venres será a quenda de Malditos Pendejos, garantindo o ambiente festivo dende o primeiro día.
O sábado será o momento forte para os afeccionados ás motos: pola mañá, celebrarase unha ruta libre con saída dende a piscina municipal, e máis tarde os asistentes poderán desfrutar das espectaculares exhibicións acrobáticas a cargo de Cuadrado Stunt. A xornada completarase cunha variedade de actuacións musicais, encontros de confraternidade e xogos infantís para animar aos máis pequenos.
O domingo ás 11:00 horas terá lugar unha ruta turística, con saída e chegada na praza de Santa María do Valadouro. Ao rematar, os participantes gozarán dunha comida popular, sorteos de agasallos e entrega de trofeos para premiar aos motoclubes máis numerosos, ao viaxeiro ou viaxeira máis afastado e á bandeira máis orixinal.
Os organizadores amosan a súa confianza en superar a cifra de 530 inscritos da última edición, atraendo afeccionados non só de Galicia, senón tamén doutras comunidades como Asturias e Castela e León, e mesmo de países como Francia e Portugal.
O delegado territorial, Javier Arias, felicitou ao Moto Clube Valadouro polo seu labor e destacou que “esta concentración consolidouse como un evento de referencia para os amantes das motos, con actividades para todos os públicos, que contribúe a dinamizar a economía local e promocionar turisticamente a comarca da Mariña”.