O Valadouro: Prado das Chantas
A existencia de círculos líticos é moi excepcional no continente Europeo, á marxe dos achados nas Illas Británicas.
En diferentes puntos da xeografía lucense, a casualidade sacou á luz achados sen precedentes ligados á pegada dos nosos devanceiros. O produto destes descubrimentos son os denominados crómlech ou círculos líticos, sorprendentes estruturas construídas con grandes pedras dispostas en forma circular.
Un crómlech é un monumento formado por menhires cravados no chan, e dispostos en círculo. A palabra crómlech en inglés é usada para os dolmens e non para os círculos de penedos. En francés e castelán dáselle o mesmo uso ca en galego. E o crómlech máis coñecido e máis importante é o crómlech de Stonehenge, en Inglaterra.
Xunto o Chao da Veiga e Pena Teixeira e nunha chaira ben delimitada por esteos situados a curta distancia atópase o Prado das Chantas, no municipio do Valadouro. Trátase dun círculo composto por 250 pedras graníticas que ocupan o perímetro ovalado de máis de 300 metros e 7 hectáreas de campo.
Cada menhir conta cunha separación de 25 centímetros o que fai que configure unha estrutura ovalada de máis de trescentos metros.
Non se puido establecer unha cronoloxía exacta nin tampouco o seu uso orixinal polo que algunhas das teorías que se barallan pasan por ser un escenario cerimonial celta, ou ben un crómlech ou círculo lítico prehistórico, aínda que tamén se podería falar dunha antiga construción medieval para gardar o gando. Na parte oeste do círculo presenta restos dunha estrutura cuadrangular.
OUTROS.
O municipio tamén conta con outros círculos líticos como o de As Pedragosas en Chao de Lamoso, entre as parroquias de O Cadramón e Frexulfe, que está formado por dous círculos concéntricos feitos con pedras de xisto e cuarzo. Estes foron descubertos no ano 2004 por Indalecio García Paz, Xesús Pisón e Isaac Ferreira.
O círculo maior ten unhas medidas aproximadas de 9,3 e 9,5 metros e o menor acada 3,8 metros e 4,2. No centro xeométrico do círculo hai unha pedra plana de 1,15 metros de lonxitude. A uns 15 metros deste hai outro círculo lítico de apenas tres metros de diámetro.