O Valadouro pon en valor o mel galego cunha feira chea de actividades para todas as idades

O Valadouro prepárase para acoller unha nova edición da súa histórica Feira do Mel, que alcanza este ano a súa XXXVIII convocatoria. A programación, organizada polo Concello en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura e outras entidades, desenvolverase os días 10 e 11 de outubro e combinará actividades culturais, degustacións gastronómicas, música e propostas para todas as idades.
O venres 10, a Casa da Cultura abrirá a programación cun contacontos musical a cargo de 2Pícaras, titulado A Abella Sabelotodo. Xa o sábado 11, a feira instalarase na Praza de Santa María e nas rúas do centro, cunha apertura oficial ás 10:00 horas. O público poderá gozar dunha exposición de colmeas decoradas polo alumnado dos colexios do Castro de Ouro e Santa María, así como participar en obradoiros de velas e pulseiras.
A mañá incluirá tamén pasarrúas con AC Amado Lar e unha demostración con degustación de filloas con mel, ademais de cafés e ecocócteles servidos pola Escola de Hostalería de Foz. Pola tarde, haberá dous sorteos de lotes de produtos da feira, contacontos a cargo de Raquel Queizás, música coa charanga Bandiños Band e degustación de castañas asadas.
Un evento que cada outono converte O Valadouro nun escaparate do mellor mel galego, ao tempo que enche as rúas de vida, tradición e sabor.