O Valadouro organiza un encontro do proxecto Galicia Latente

AMariñaXa
Comeza cunha presentación sobre a importancia e dimensión da cultura no noso presente, continuado cunha proxección do documental
galicia_latente
26 Xul 2024

A Delegación de Cultura do Concello do Valadouro organiza un encontro do proxecto Galicia Latente, unha iniciativa de Eduardo de Martís. O encontro chamado “A Galicia do presente” comeza cunha presentación sobre a importancia e dimensión da cultura no noso presente, continuado cunha proxección do documental Galicia Latente e logo un coloquio titulado “retos e oportunidades da cultura galega”, rematando cunha recollida de valores locais.

Esperan que haxa un debate amplo e convidan a todas as persoas interesadas no desenvolvemento cultural a asistir e participar nesta recolleita de percepcións da poboación do Valadouro. Este encontro, que será ás 18.00 horas na Casa da Cultura. Organízano coa finalidade de coñecer e concienciarse sobre o valor da nosa contorna, dos retos como a cultura ou o patrimonio nos pode aportar riqueza, ou os recursos naturais. Neste caso, comezan cunha reflexión sobre a cultura local.

Galicia Latente é un proxecto para achegar ás persoas o valor social, económico e sustentable que atesoura a cultura galega no presente. Así mesmo planeta unha visión holística desde onde visibilizar os retos e oportunidades que nos están a conformar.

O proxecto ten como base un estudo-libro homónimo de recollida e divulgación fotográfica da cultura galega (seguramente o único do presente) e as súas múltiples realidades que estamos a vivir en Galicia. Está autoeditado polo fotógrafo Eduardo de Martís e componse de 221 páxinas, 233 fotografías feitas entre os anos 2020 e 2023, ao longo de máis de 140 concellos galegos.

O proxecto estivo presente nas súas orixes en Santiago, no Courel, París, Londres, Bruxelas ou San Cibrao. Así como agora nos concellos de Sober, Mañon, Sarreaus, Vicedo, Camariñas, A Fonsagrada.

0.10515213012695