O Valadouro demanda a cobertura dos médicos no municipio nunha concentración

AMariñaXa
A Plataforma Sanitaria da Mariña, conxuntamente co Concello do Valadouro, convoca de novo unha manifestación
centro-saude-valadouro
24 Xuño 2024

A Plataforma Sanitaria da Mariña, conxuntamente co Concello do Valadouro, convoca de novo unha concentración Concello do Valadouro en demanda da cobertura das dúas prazas de Medicina de Familia que están vacantes desde hai moitos meses. Aseguran que a situación é sumamente grave e precisa dunha resposta inmediata por parte da Consellería de Sanidade e do Sergas, pois trala xubilación dos dous facultativos titulares ambas as dúas prazas están sen ocupar por persoas substitutas, quedando gran parte dos días sen médicos.

Sosteñen que a única solución que deu o Sergas foi substituír una das prazas cun profesional que algún día viña a pasar consulta durante unhas horas. “Esta inaceptable situación está a provocar atrasos e listas de agarda no nivel básico da atención sanitaria, deixando a unhas mil novecentas persoas sen a atención básica de saúde a maior parte dos días”.

Ademais, obríganos a desprazarse a outros concellos, ao PAC ou mesmo ao servizo de urxencias do hospital para a resolución de problemas e saúde, sendo practicamente imposible facer os seguimentos periódicos de procesos crónicos axeitadamente. A enorme preocupación e indignación que se está a producir na poboación do Valadouro e que foi transmitida por diversas vías á plataforma sanitaria, motivou a petición por parte do colectivo sanitario dunha reunión co goberno do Valadouro, na que se abordou a grave problemática sanitaria que se mantén desde hai moitos meses.

Froito deste encontro decidiuse convocar novamente una concentración o próximo día 29 de xuño ás 12 horas diante do centro de saúde e que contou co apoio incondicional do goberno. Desde este colectivo animan a todas as veciñas e veciños do Valadouro e das poboacións veciñas, así como de toda a comarca a que acudan a esta nova mobilización na que se demanda a cobertura total e continuada das dúas prazas de Medicina de Familia, imprescindibles para que os servizos sanitarios no Concello do Valadouro sexan dignos, de calidade e cunha continuidade asistencial axeitada.

0.16484594345093