O Valadouro convoca o concurso para escoller o cartel do Mercado de Primavera 2026

O Concello do Valadouro abriu a convocatoria do concurso para seleccionar o cartel anunciador do Mercado de Primavera 2026, unha cita que este ano celebrará a súa vixésima edición. A iniciativa está dirixida ao alumnado do IES Alfoz-Valadouro e pretende fomentar a participación da mocidade nun dos eventos máis representativos do municipio.
Segundo recollen as bases, o principal obxectivo do certame é involucrar ás novas xeracións na creación da imaxe promocional do mercado, ao tempo que se impulsa a súa creatividade e interese polas disciplinas artísticas. Ademais, o concurso busca transmitir os valores culturais e históricos ligados a esta celebración, que rende homenaxe aos antigos oficios, ás tradicións populares e ao papel que os mercados tiveron no desenvolvemento social e económico da vila e da comarca.
Os traballos deberán presentarse nun único deseño en formato vertical tamaño A4, empregando unha técnica libre sempre que permita a súa dixitalización completa. En canto á temática, as obras deberán reflectir os diferentes elementos que definen o Mercado de Primavera, incluíndo tanto o ambiente festivo e cultural como a recreación de costumes tradicionais, a música, a vestimenta de época, os postos artesanais ou as actividades que forman parte da programación.
O prazo para entregar as propostas rematará o venres 27 de febreiro ás 20:30 horas. A presentación realizarase exclusivamente de maneira presencial na Casa da Cultura, en horario de mañá e tarde, e os traballos deberán incluír no reverso os datos identificativos do autor ou autora.
O xurado estará presidido pola concelleira de Cultura e contará coa participación dun técnico da OMIX, con funcións de secretaría, ademais de dous vogais con formación artística. Establécense dous premios: o primeiro consistirá na elección do cartel gañador, acompañado dun vale de 50 euros para material cultural e unha reprodución enmarcada da obra. O segundo premio estará dotado cun vale do mesmo importe para material escolar ou de papelería. O xurado poderá declarar deserto o concurso se considera que as propostas non acadan o nivel requirido.