O Valadouro celebra o III Día da Bicicleta cunha xornada de convivencia e deporte

O Concello do Valadouro, a través da Concellería de Deportes, impulsa unha nova edición do Día da Bicicleta, que chega xa á súa terceira convocatoria co obxectivo de fomentar o exercicio moderado, o deporte ao aire libre e a convivencia entre veciños, familias, amizades e visitantes. Ademais, a iniciativa busca poñer en valor a bicicleta como un medio de transporte saudable e respectuoso co medio ambiente.
A cita está marcada para o sábado 13 de setembro ás 17:00 horas. As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse tanto nas oficinas municipais como na Casa da Cultura, ou tamén a través da Sede electrónica, dispoñible ata o venres 12 de setembro.
Unha vez completado o traxecto, a organización sorteará entre os asistentes vales de 100 euros para material ciclista e un casco de bicicleta, co fin de incentivar a participación e seguir promovendo a práctica segura deste deporte.
O Concello anima a toda a veciñanza a sumarse a esta xornada festiva que combina actividade física, convivencia social e compromiso ambiental.