O Valadouro celebra o II Día da Bicicleta

AMariñaXa
Cunha climatoloxía que finalmente permitiu o bo desenvolvemento da proba, produciuse a saída de maiores, pequenos e familias
II-Día-da-Bicicleta.-Valadouro
18 Ago 2024

O sábado 17 de agosto, tivo lugar o II Día da Bicicleta programado pola Concellería de Deportes do Concello do Valadouro, dirixida por Eliseo Teijeiro. Cunha climatoloxía que finalmente permitiu o bo desenvolvemento da proba, produciuse a saída de maiores, pequenos e familias veciñas e visitantes do concello que nesta edición superou todas as expectativas, reunindo a máis de 70 inscritos.

Esta fermosa ruta de 14 quilómetros, sinxela e adaptada a este formato deseñado pola concellería, tivo o seu merecido descanso e avituallamento no entorno da Capela da Casela en Santa Cruz para logo coas forzas reparadas, culminar este evento deportivo, cunha aplaudida entrada polas rúas da vila de Ferreira.

Alí fronte ao antigo matadoiro, sorteáronse cinco vales de 60 € entre os inscritos para compra de material deportivo en Cerezo Bikes e finalmente concluíuse unha xornada grata que fixo as delicias de grandes e pequenos afeccionados aos pedais.

0.19755411148071