O Valadouro celebra esta fin de semana o Mercado de Primavera

TerraChaXa | AMariñaXa
Esta fin de semana O Valadouro celebra o tradicional Mercado de Primavera coa actuación de Susana Seivane, dentro da xira do seu vixésimo aniversario como gaiteira.
rabade_bng
21 Mar 2019

Esta fin de semana O Valadouro celebra o tradicional Mercado de Primavera coa actuación de Susana Seivane, dentro da xira do seu vixésimo aniversario como gaiteira. Conmemórase este ano tamén o 125 aniversario da concesión do título de vila a Ferreira pola raíña María Cristina de Habsburgo no ano 1894, mediante un decreto real no que gababa o progreso económico da vila, cuxa mostra máis evidente era a proliferación de mercados e feiras, coma os anuais do 2 de febreiro e o do 25 de marzo. Este actual Mercado Tradicional Anual de Primavera é unha homenaxe a eses antigos mercados e feiras que fixeron do concello un referente na Mariña.
As actividades do Mercado da Primavera comezarán xa o venres 22 co pregón de Manuel Lourenzo, dramaturgo, director teatral e actor valadourés, coñecido entre outras actividades pola súa recente aparición na serie Fariña. Ao pregón seguiralle a actuación de Miro Casabella, cantautor tamén natural do Valadouro.
O sábado 23 daranse cita na praza de Santa María e arredores dende pola mañá artesáns, ferreiros, cesteiros, e sobre todo zoqueiros, xa que este calzado tradicional é a estrela do Mercado de Primavera, que vivirá ás 11:30 horas o seu momento estelar co desfile de zocas, zocos e vestimenta. Poderanse ver dende as máis tradicionais e fieis ás usadas polos nosos devanceiros coma as máis modernas, reinterpretadas e customizadas para o pleno século XXI. Dende as 10:oo horas do sábado terá lugar nas proximidades da mesma praza a segunda xuntanza de Automóbiles clásicos Val do Ouro.
Durante todo o día haberá actividades para toda a familia e demostración de oficios tradicionais. A vila de Ferreira transfórmase nunha feira do século pasado, ambientada con aparellos tradicionais, palla, e centos de persoas vestidas ó estilo de principios do século XX, o que fai que os asistentes se transporten no tempo e disfruten totalmente da experiencia. O Fotoenxebre permite levar un recordo físico desta ambientación, aínda que tamén un bo recordo levarán as persoas que se acheguen a Ferreira se fan a ruta de tapeo que os bares e restaurantes da localidade teñen preparada para esta ocasión.
Pola tarde, a partir das 18:00 horas dará comezo a música na rúa coas actuacións de Festicultores Troupe e Charanga Mekánica que animarán as rúas de Ferreira e abrirán o apetito para os concertos de Susana Seivane e Ruxe-Ruxe, a partir da medianoite.

0.22315192222595