O Valadouro celebra a XXXIX Semana do Teatro Afeccionado con cinco días de funcións

AMariñaXa
O ciclo, que se desenvolverá do 1 ao 5 de setembro, contará con agrupacións da Mariña e entrada gratuíta en todas as representacións
Valadouro-semana-teatro-2025
30 Aug 2025

O Concello do Valadouro prepara unha nova edición da súa xa consolidada Semana do Teatro Afeccionado, que este ano cumpre 39 edicións. O ciclo escénico celebrarase do luns 1 ao venres 5 de setembro de 2025 no salón de actos do Centro Sociocultural Manuel Lourenzo, sempre ás 22:00 horas e con entrada de balde.

A programación reúne cinco agrupacións teatrais da Mariña, entre elas dúas que se estrean no escenario de Ferreira e outras que xa contan con varias participacións nesta cita. Desde o Concello destacan que a Semana do Teatro Afeccionado “segue a ser un espazo de encontro cultural aberto a todos os públicos e unha oportunidade de desfrutar do talento local sen custo algún”.

O arranque será o luns 1 de setembro, coa compañía Mecanismo Teatro, de Viveiro, que representará a peza Parados. O martes 2, chegará a quenda da Asociación Cultural Recreativo Deportiva Aturuxeiros, de Bravos, que levará á escena a adaptación Vaia co pronóstico. O mércores 3, o grupo O Batán, de Cangas, interpretará As promesas dos galos, obra de Francisco Piñeiro. Xa o xoves 4, o grupo O Centiño, de San Martiño, presentará Trepa, Tripa e Tropa, de Pepe Peinó. Pechará o ciclo, o venres 5 de setembro, o grupo fazourense Adala, que ofrecerá a súa adaptación propia Unha morta moi viva.

Con propostas que abranguen diferentes estilos e formatos, a XXXIX Semana do Teatro Afeccionado do Valadouro confirma a súa traxectoria como unha das citas culturais de referencia na Mariña, cun programa que aposta polo humor, a tradición e a creatividade das compañías locais.

⚙ Configurar cookies
0.16312885284424