O Valadouro acollerá o I Foro de Turismo e Sostibilidade da Mariña Lucense

AMariñaXa
A cita, prevista para o 1 de outubro, reunirá expertos e profesionais para debater sobre os retos e oportunidades do sector turístico na comarca
Foro_Turismo-sostible-outubro-valadouro-2025
19 Sep 2025

O salón de actos da Casa da Cultura do Valadouro converterase o vindeiro 1 de outubro no epicentro do debate arredor do turismo responsable coa celebración do I Foro Turismo e Sostibilidade da Mariña Lucense. O encontro pretende abrir un espazo de diálogo no que reflexionar sobre o impacto da sostibilidade no turismo, analizar tendencias actuais e promover unha visión integradora que garanta un desenvolvemento equilibrado do sector.

A iniciativa, impulsada no marco do Plan de Sostibilidade Turística da Mariña Lucense, conta co apoio da Mancomunidade da Mariña, da Axencia Turismo de Galicia e da Secretaría de Estado de Turismo. O obxectivo é dobre: por unha banda, recoñecer a importancia económica, social e cultural do turismo; e, pola outra, posicionar a Mariña como referente galego no debate sobre os desafíos da actividade turística.

O programa inclúe relatorios e mesas redondas con especialistas de prestixio. Entre eles destacan David Mora, director do Máster de Turismo Gastronómico do Basque Culinary Center; Alfonso Bertrán, arquitecto da Fundación RIA; ou Patricia Dueñas, experta en sostibilidade e economía circular en Circle Economy e Grupo Iberostar. Tamén participarán representantes institucionais e profesionais da comarca, como a alcaldesa de Barreiros e vicepresidenta da Mancomunidade, Ana Ermida; o empresario hostaleiro José Manuel Villapol; e o coordinador do programa Mariña Marabillosa, Pepe Peinó.

O foro está aberto a profesionais do sector turístico e á cidadanía interesada en coñecer de preto os desafíos e oportunidades dun turismo máis sostible. A participación é totalmente gratuíta, previa inscrición a través dun formulario en liña.

Segundo destacan os organizadores, trátase dunha oportunidade para favorecer o intercambio de experiencias, fomentar a comunicación cos diferentes axentes da comarca e establecer liñas de actuación que permitan avanzar cara un modelo turístico máis respectuoso co territorio, coa poboación e coa contorna natural.

⚙ Configurar cookies
0.069580078125