O Valadouro acollerá a XXXVIII Feira do Mel o 11 de outubro

AMariñaXa
A cita desenvolverase na Praza de Santa María e na rúa Andrés López Palmeiro cun amplo abano de produtos vencellados ao mundo apícola e de tempada
Feria-do-Mel---Mercado-de-Outono-do-Valadouro-2021
29 Sep 2025

O Concello do Valadouro anunciou a celebración da XXXVIII Feira do Mel, que terá lugar o sábado 11 de outubro de 2025, en horario ininterrompido de 10:00 a 19:00 horas. O encontro, que se converteu nun referente do outono mariñán, celebrarase na Praza de Santa María e na rúa Andrés López Palmeiro.

A actividade central será a feira propiamente dita, onde se poderán atopar produtos directamente relacionados co universo das abellas —mel e os seus derivados—, así como conservas, artigos de tempada e propostas procedentes do comercio local. Os expositores de mel, produtos de outono e establecementos do municipio contarán coa colaboración do Concello, que facilitará os postos, mentres que o resto de participantes deberán achegar o seu propio espazo, especificando medidas e características na solicitude.

Desde a organización lembran que, unha vez iniciada a feira, non se permitirá o acceso de vehículos á zona ata a finalización do evento, salvo aqueles expresamente autorizados. Ademais, para dinamizar a xornada, cada expositor cederá un dos seus produtos á organización co fin de realizar un sorteo entre o público asistente.

As persoas interesadas en participar como vendedores poden presentar a súa solicitude ata o 7 de outubro de 2024, ben a través da sede electrónica do Concello, ben de forma presencial nas oficinas municipais ou na Casa da Cultura, de luns a venres en horario de 9:00 a 13:00 horas.

A feira preséntase como unha oportunidade non só para poñer en valor o traballo dos apicultores e produtores locais, senón tamén para atraer visitantes e reforzar a identidade cultural e gastronómica do Valadouro.

⚙ Configurar cookies
0.10270023345947