O Valadouro acollerá a cea-baile do 40 aniversario da Asociación Cultural Amado Lar

AMariñaXa
A celebración terá lugar o 22 de novembro no pavillón municipal con música, gastronomía e encontro veciñal
mercado-de-primavera-Amado-lar-valadouro
16 Oct 2025

A Asociación Cultural Amado Lar está de aniversario e quere compartilo con toda a veciñanza do Valadouro e comarca. Con motivo dos seus 40 anos de traxectoria, a entidade organiza unha gran cea-baile o sábado 22 de novembro, a partir das 22:00 horas, no pavillón municipal.

O menú, elaborado e servido por Chao da Brea, será un cocido completo con sopa, cabeza, lacón, botelo, costela, patacas, garavanzos, verdura, bebida, sobremesa, café e chupito. Unha proposta pensada para gozar da gastronomía tradicional galega nun ambiente festivo.

Os prezos da cea son de 32 euros para socios e alumnos —que poderán asistir con acompañante—, 36 euros para non socios e 15 euros para nenos de 5 a 9 anos. A música estará a cargo do grupo Eventec, que animará a velada con baile e diversión para todas as idades.

As reservas poden facerse ata o 16 de novembro a través dos teléfonos de contacto facilitados pola organización. Desde a directiva de Amado Lar sinalan que esta celebración “é unha ocasión perfecta para reunir ás persoas que fixeron posible estas catro décadas de vida cultural e para seguir mantendo viva a tradición no Valadouro”.

⚙ Configurar cookies
0.061468124389648