O Valadouro acolle as xornadas gastronómicas da carne de poldro
Durante a fin de semana do 28 e 29 de agosto, O Valadouro acollerá as xornadas gastronómicas de carne de poldro en colaboración coa asociación de criadores do cabalo de pura raza galega.
Os interesados en degustar este manxar poderán facelo en calquera local de hostalería de Ferreira do Valadouro.
A carne de poldro galego 100% raza autóctona é un produto baixo en graxa, alto en proteínas e moi rico en ferro. O consumo de carne de poldro recoméndase para toda a poboación e en especial para aquelas persoas que, ben sexa pola súa situación (embarazo, anemia) ou pola súa actividade diaria (deportistas), necesiten dunha alimentación altamente nutritiva.
Todos os poldros co Selo de calidade 100% Raza Autóctona Cabalo de Pura Raza Galega críanse en liberdade nos montes galegos, o que asegura o benestar do animal. Por tanto, a carne é un produto de calidade, sostible e de produción local; que promove a continuidade de razas autóctonas e axuda a conservar o patrimonio gandeiro xeración tras xeración.