O Valadouro acolle a obra de teatro 'O auto do Castromil'
O Valadouro acolle a obra de teatro 'O auto do Castromil', o sábado 23 de novembro de ás 19.00 horas no salón de actos do Centro Socio-cultural, xuvenil e da Terceira Idade Manuel Lourenzo. A entrada será de balde.
O espectáculo está protagonizado por un luxoso elenco: Rocio González, Victor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez, que xa teñen conformado compañía en anteriores proxectos de Excéntricas. Precisamente, con este proxecto Excéntricas gaña o III concurso de proxectos que convoca a fundación Manuel Maria e que recibe o apoio de mais de corenta concellos e institucións de Galicia.
A obra acontece nunha viaxe onírica abordo dun coche de liña. Os viaxeiros dormen e tal vez o condutor. As maletas e demais bagaxes amotínanse, cobran vida e repasan unha curiosa historia de Galicia, combaten a nosa amnesia conxénita usando autos populares e farsas do autor chairego. Nelas aparece a historia alucinada dun pobo que loita, é derrotado, volve levantar a cabeza e rebelarse de novo. Unha rebelión na que, ás veces, non temos mais armas que o humor e o espírito antroidesco.
'O auto do Castromil' é unha viaxe en transporte público pola Galicia inconsciente. Está feita con anacos das obras de Manuel María 'A rebelión dos baús' 'O Auto dos semulados da Caravilla', 'Unha vez foi o trebón', 'Abril de Lume e Ferro' e o 'Entremés da OTAN'.
Foi un espectáculo gañador de dous Premios de Teatro María Casares: Mellor Dirección (Quico Cadaval) e Mellor Vestiario (Carlos Alonso) e finalista en 3 categorías máis: Mellor Espectáculo, Mellor Actor Protagonista (Víctor Mosqueira) e Mellor Espazo Sonoro (Piti Sanz). Tamén foi espectáculo candidato aos Premios Max en dúas categorías: Mellor Espectáculo e Mellor Iluminación (Octavio Mas).