O Valadouro abre o prazo para participar no XX Mercado Tradicional de Primavera

AMariñaXa
A feira celebrarase o 28 de marzo e priorizará oficios tradicionais e comercio local
mercado-de-primavera-Amado-lar-valadouro
23 Feb 2026

O Concello do O Valadouro abriu o prazo de inscrición para solicitar posto no XX Mercado Tradicional Anual de Primavera, unha cita que recupera o espírito dos antigos mercados da vila de Ferreira e que volverá encher as rúas de actividade o vindeiro 28 de marzo.

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o 20 de marzo ás 14.00 horas, ben de maneira presencial nas oficinas municipais de Cultura ou a través da sede electrónica do Concello. A admisión manterase aberta ata cubrir o número máximo de postos dispoñibles.

O mercado desenvolverase entre as 10.00 e as 19.00 horas en distintos espazos do casco urbano, como o aparcadoiro do Parque Concepción Arenal, a Praza de Santa María, Andrés López Palmeiro ou Severino Cociña. O acceso de vehículos para carga e descarga estará limitado a franxas horarias concretas e baixo control organizativo, co fin de garantir a seguridade e o bo funcionamento da xornada.

A iniciativa ten como finalidade recuperar a tradición comercial de antano e dinamizar a economía local. Por iso, terán prioridade as demostracións de oficios tradicionais, os postos con tenda física nos concellos de Alfoz e O Valadouro, así como os produtos agroalimentarios de tempada. Tamén haberá espazo para artesanía con carta acreditativa, conservas, antigüidades e asociacións sen ánimo de lucro que busquen recadar fondos por causas xustificadas.

Os postos serán facilitados polo Concello, aínda que tamén se permitirá que os expositores acheguen estrutura propia, sempre que se adapte á estética tradicional do evento. A organización poderá redistribuír os espazos segundo criterios de equilibrio e variedade, garantindo igualdade de oportunidades comerciais.

Entre as normas recóllese a obrigatoriedade de indicar a orixe dos produtos, cumprir coa normativa hixiénico-sanitaria vixente e dispoñer de follas de reclamación. Recoméndase, ademais, que participantes e postos estean caracterizados ao estilo das décadas dos anos 40 e 50, reforzando así o ambiente histórico da feira.

O Concello lembra que dispón dun seguro de responsabilidade civil para o evento, aínda que non cobre roubos nin furtos, polo que cada expositor deberá asumir esa cobertura se o considera necesario.

0.081182956695557