O Valadouro abre o prazo para participar no obradoiro de manualidades

O Concello do Valadouro vén de anunciar a posta en marcha dun novo obradoiro de manualidades pensado como espazo de convivencia, aprendizaxe e conciliación para persoas adultas da vila. As sesións celebraranse na Sala Anexa da Casa da Cultura, situada na Avenida Deputación, 6, e estarán coordinadas por Beatriz Ramil Parapar.
A actividade desenvolverase de outubro de 2025 a xuño de 2026, todos os mércores a partir das 16:30 horas, sen ningún tipo de custe nin para o Concello nin para as persoas participantes. Ademais de manualidades, está prevista a posibilidade de realizar outras labores, compartindo coñecementos e fomentando un ambiente de encontro.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o martes 30 de setembro. Poderán entregarse tanto nas oficinas municipais, no horario de 09:00 a 14:30 horas, como na propia Casa da Cultura.
Desde o Concello subliñan que este tipo de propostas permiten ofrecer alternativas de lecer saudable á veciñanza, ao tempo que favorecen a socialización e a posta en valor das habilidades creativas.