O TSXG rexeita frear a actividade da balsa de lodos de Alcoa en Xove

A Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de desestimar a petición de paralización da actividade da balsa de lodos vermellos de Alcoa, situada no concello de Xove, así como o freo ao proxecto de elevación do dique de cola. A medida fora solicitada pola Asociación Petón do Lobo como acción cautelar mentres non se actualizase o Plan de Emerxencia Exterior nin se regularizase a situación da infraestrutura.
Porén, o alto tribunal galego considera que non hai nexo suficiente entre a petición da asociación ecoloxista e o obxecto real do recurso. Segundo o auto, o proxecto de ampliación permitiría, de ser aprobado, elevar o depósito ata a cota +104, mais actualmente xa existe unha autorización en vigor para operar ata a cota +100, sen que isto supoña unha irregularidade.
Os maxistrados tamén desbotan que exista inactividade por parte da Xunta, pois non se demostrou que se autorizase xa o novo proxecto de ampliación, nin tampouco que a actividade actual estea fóra de control por parte da administración autonómica. Segundo a Sala, non hai probas, nin sequera indiciarias, dunha falta de vixilancia efectiva sobre a actividade da balsa tal e como está actualmente autorizada.
Así mesmo, o tribunal advirte que conceder a medida cautelar de paralización total suporía deter toda a actividade do complexo industrial, algo que considera desproporcionado tendo en conta que existe unha autorización vixente e que a solicitude realizada se formula de xeito demasiado amplo e xenérico.