O TSXG ratifica a sentenza que condena ao Sergas a indemnizar a un doente

AMariñaXa
O TSXG confirma a sentenza que condena ao Sergas a indemnizar con máis de 122.000 euros a un doente do hospital de Burela
hospital a marina costa burela
17 Out 2022

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza que condenou ao Sergas a indemnizar con 122.254,56 euros polos danos e prexuízos causados en 2016 a un doente do Hospital da Costa de Burela debido a unha “dobre e indebida” prescrición de betabloqueantes, o que lle provocou un edema agudo de pulmón, que derivou nun ictus. “Non hai que ter grandes coñecementos médicos para comprender que a prescrición simultánea de dous antibloqueantes, nunha persoa con antecedentes cardíacos, ao provocarlle un menor gasto por enlentecemento do ritmo do corazón, pode xerar graves complicacións, ata o punto de producir un edema agudo de pulmón como antesala ao ictus isquémico derivado”, salientan na sentenza os maxistrados da sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG. Ademais, o tribunal indica que resultou acreditado que a dose de antibloqueantes era excesiva, “xa fora por ignorancia médica, xa fora por non atender ao historial clínico do paciente”.

O afectado, que cando sucederon os feitos tiña 71 anos, acudiu o 15 de marzo de 2016 ao hospital para que lle practicasen un electrocardiograma. O seu estado de nerviosismo dificultou en grao sumo a súa realización, segundo a sentenza, na que os xuíces explican que, ante iso, o cardiólogo que o atendeu prescribiulle un betabloqueante, a pesar de que o doente, polos seus antecedentes cardíacos, xa tomaba, desde facía tempo, outro betabloqueante.

Os antecedentes clínicos do paciente, segundo o fallo, “en ningún momento foron tidos en conta polos facultativos”. A Sala asegura que o doutor que fixo a prescrición, ao afirmar que ambas as doses eran compatibles, tratou de ocultar “o seu indebido descoñecemento do historial clínico do paciente, no que figuraban os tratamentos farmacolóxicos que se lle viñan dispensando con anterioridade”. Os maxistrados, polo tanto, rexeitaron o recurso presentado polo Sergas e a entidade Segurcaixa Adeslas e confirmaron a sentenza apelada, ditada polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo. Á indemnización de 122.254,56 euros deben sumarse os intereses legais computados desde o 1 de agosto de 2016. Contra a resolución do TSXG cabe presentar recurso.

A sentenza de primeira instancia, agora confirmada polo alto tribunal galego, desagrega a indemnización concedida do seguinte modo: 45.599,34 euros, pola secuela de afasia motora; 35.000 euros, polo dano moral e polos doce días de perda de calidade de vida moderada; 40.452,22 euros, por 538 días de perda de calidade de vida grave; e 1.203 euros, por 12 días de perda de calidade de vida moi grave.

0.18764305114746