O TSXG anula a ordenanza fiscal da Pontenova por carecer dun informe económico que xustifique a taxa

A sección segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou nula a ordenanza fiscal reguladora da taxa pola realización de actividades administrativas ligadas á apertura de establecementos no Concello da Pontenova. O motivo é a ausencia dun informe económico-financeiro ou memoria económica que avalase o custo real do servizo e os criterios de cuantificación establecidos na norma.
Deste xeito, o alto tribunal galego resolve a cuestión de ilegalidade elevada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo, que xa estimara o recurso interposto pola promotora do parque eólico Cadeira —situado entre os municipios da Pontenova, Riotorto, Trabada e Lourenzá— contra a liquidación de 946.014 euros en concepto de taxas pola actividade das instalacións.
Na súa resolución, os maxistrados explican que do informe do secretario-interventor do Concello resulta evidente que o expediente de aprobación da ordenanza non figura na plataforma electrónica empregada polo propio consistorio, nin tampouco foi localizado no arquivo municipal. A documentación remitida como reconstrución do expediente carecía igualmente da memoria económico-financeira esixida.
A sala lembra que esa memoria non é un trámite accesorio, senón unha “peza clave” que debe conter datos precisos sobre o custo real ou previsible do servizo, ou no seu defecto o valor da prestación recibida, ademais dunha xustificación detallada dos criterios que conducen á determinación da taxa. Trátase, subliñan, dunha garantía para respectar o principio de equivalencia recollido no artigo 31.1 da Constitución Española.
A sentenza do TSXG recalca que a aprobación da memoria financeira é un mecanismo esencial de control e transparencia, que garante que as taxas municipais non superen os custos do servizo prestado. A resolución, con todo, aínda non é firme, pois contra ela cabe interpoñer recurso diante do Tribunal Supremo.