O Tribunal Supremo confirma a setenza contra o ERE de Alcoa
O Tribunal Supremo confirmou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulou o ERE formulado pola multinacional para o despedimento dos traballadores por entender que a empresa incorrera en mala fe negocial durante o período de consultas.
Así, o Tribunal Supremo desestima o recurso de casación interposto polo Grupo Alcoa Inespal ao que o TSXG anulaba o ERE para o despedimento de 524 traballadores da factoría cervense fai un ano, concretamente foi o 17 de decembro de 2020.
O fallo coñecido hoxe ratifica a prohibición a Alcoa para apagar as cubas de electrolisis e executar un despedimento colectivo que afectaría a 524 traballadores.
O Concello de Cervo celebrou a anulación do Expediente de Regulación de Emprego e amosou a súa satisfacción, “estamos moi satisfeitos con esta resolución, posto que significa que máis de cincocentos veciños e empregados da factoría conservarán o seu posto de traballo, xunto cos empregos indirectos que se derivan da súa produción”, dixo o alcalde Alfonso Villares, “esta boa nova supón un pequeno alivio para todos os traballadores e as súas familias, que levan sufrindo todo este tempo desde que se iniciou o proceso de despedimento, ademais de toda a veciñanza, dos que gran parte son residentes do noso municipio, que depende directa ou indirectamente da continuidade da fábrica”.
O rexedor quere “felicitar aos traballadores por acadar este resultado que lles permite facer un avance á hora de manter os seus postos de traballo, aínda que hai que manter certa prudencia, posto que se teñen que dar unha serie de pasos máis para alcanzar unha solución definitiva que consiga garantir ao 100% a continuidade da fábrica.
Pola súa banda, a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, mostrou a súa satisfacción tras coñecer o fallo do Tribunal Supremo que confirma a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que declarou nulo o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que Alcoa pretendía aplicar na planta de aluminio de San Cibrao (Lugo).
Para a ministra, “este fallo do Supremo é un éxito sen precedentes tanto dos traballadores de Alcoa como da Xunta e o Goberno central, que velamos polo mantemento das capacidades produtivas da planta. Agora toca mover ficha a Alcoa. Nós seguimos coa man tendida á empresa para colaborar na procura de posibles investidores”.
O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu unha gran fronte común entre todas as administracións, partidos políticos e sindicatos para conseguir manter a actividade e o emprego na planta de Alcoa en San Cibrao.
Gonzalo Caballero fixo este chamamento despois de que se coñecese que o Tribunal Supremo vén de declarar nulo o ERE que a empresa levou a cabo na factoría da Mariña. “É una boa nova”, sinalou Caballero, “pero hai que seguir traballando e non podemos baixar a garda”.
“Os e as socialistas”, reiterou o voceiro do PSdeG na Cámara, “temos un claro compromiso con que a planta que Alcoa en San Cibrao manteña a súa viabilidade e o seu futuro”. Por iso, incidiu Gonzalo Caballero, “ao igual que impulsamos, apoiamos e respaldamos a presentación das medidas pola vía xudicial que agora permiten que exista esta sentenza, cremos que agora hai que seguir facendo una gran presión entre todas as institucións para conseguir que exista un inversor que poida facerse coas instalacións”.
Nesa liña, Gonzalo Caballero avogou por que se implique a SEPI e todos os organismos públicos que sexa necesario, porque existen propostas “que teñen un proxecto industrial con viabilidade e que queren manter o emprego e o futuro da planta”. Porque “en San Cibrao”, proclamou, “hai unha planta que ten viabilidade polo seu persoal, pola súa capacidade técnica e polas súas infraestruturas”.
Para o Bloque Nacionalista Galego, a confirmación da nulidade do despido colectivo de Alcoa por parte do Tribunal Supremo, é unha boa nova, ainda que non resolve o problema. O problema é un problema político e como tal tén que ter unha solución política, afirman desde o BNG mariñao, que vén de reunir o seu órgano de dirección comarcal para analizar este e outros temas de vital importancia para a comarca coma os orzamentos do Estado e da Xunta “que unha vez mais esquecen e marxinan á Mariña cando neste exercicio tiña que ter unha atención especial dada a situación que se está a vivir”, advertíu a responsable comarcal Ana Ermida.