O traballo iniciado polo anterior goberno local permite avanzar na mellora do subministro de auga

Un proxecto clave para garantir o abastecemento de auga en Viveiro comeza a dar os seus primeiros pasos grazas ao labor previo desenvolvido polo Bloque Nacionalista Galego durante o anterior mandato municipal. A actuación, centrada na renovación das vellas tubaxes que conectan a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Landrove coa estrada LU-540, era unha necesidade urxente que o BNG levaba tempo reclamando.
Foi a ex-tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez, quen liderou unha análise técnica detallada en colaboración coa concesionaria VIAQUA, detectando múltiples deficiencias nunha infraestrutura cuxa antigüidade e deterioración provocaban cortes constantes no subministro, afectando a moitas familias da zona.
A documentación recollida nunha memoria técnica foi trasladada á Xunta a finais de 2024, alertando da situación crítica e solicitando unha actuación inmediata. Esa presión institucional, acompañada de informes, propostas e unha insistencia constante, deu agora os seus froitos.
O BNG de Viveiro celebra que por fin se inicien os trámites técnicos necesarios e que haxa un compromiso claro para executar a obra. “Este avance supón un recoñecemento ao traballo serio que realizamos para defender os intereses da veciñanza. Seguiremos vixiantes para que o proxecto se leve a cabo sen máis atrasos”, sinalan desde a formación.