O Torneo Marosa Cup reunirá en Burela a 50 equipos e 700 participantes

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
17 Sep 2019

Do 27 ao 29 de setembro terá lugar en Burela o V Torneo Marosa Cup de fútbol, que reunirá a 50 equipos e a unhas 700 persoas. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, destacou o impacto económico que terá na vila este torneo. Haberá, como novidade, fútbol feminino e ademais torneo de veteranos e da liga Genuine. Na presentación celebrada esta maña no Concello, estiveron o alcalde, Alfredo Llano, o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, e o presidente da SD Burela, Jesús Manuel Ares.

O edil de Deportes dixo que “vimos de facer hoxe a presentación do que vai ser a quinta edición do torneo Marosa Cup, fixémolo o alcalde e mais eu e contamos coa presencia do presidente da Sociedade Deportiva Burela, Jesús Manuel Ares. É un torneo que ano a ano vai medrando”. 

Ramiro Fernández salientou que “este ano imos superar a participación que houbo en anos anteriores. Estamos falando de que en torno a cincuenta equipos van participar, o que vai supoñer que en torno a 700 xogadores veñan disputar este torneo a Burela”.

O concelleiro burelés explicou que “o torneo vai ser de iniciación, prebenxamíns, benxamíns e alevíns. Ademais este ano temos varias novidades. Unha delas é que vai haber fútbol feminino, unha aposta que fixo a Sociedade Deportiva Burela e que desde o Concello estamos apoiando e que animamos a que así fora. Tamén imos ter un torneo da Liga Genuine, que son equipos con xente con discapacidade que representan aos equipos das máximas categorías do fútbol nacional, neste caso vai participar o Lugo, que ten integrantes de aquí de Burela, o Celta máis o Deportivo. Ademais como novidade tamén teremos un torneo de veteranos, que xa se fixera o ano pasado, este ano repítese, e vai ter un participante a maiores que é o Celta de Vigo, co cal o nivel deste torneo vai ser importante xa que vai estar o Celta, o Lugo máis o Deportivo, ademais da Sociedade Deportiva Burela de Veteranos”.

Fernández Rey engadiu que “isto vai ter unha repercusión económica moi importante no pobo. Estamos falando de que moitísima xente se vai desprazar a Burela a fin de semana do 27, 28 e 29 de setembro. Tanto o Concello como a Deputación de Lugo, a través do Plan Único, imos intentar colaborar no máximo posible para que este torneo saia da mellor maneira posible, tanto economicamente como en medios materiais. Neste caso queremos felicitar, unha vez máis, á Sociedade Deportiva Burela, que está consagrando este torneo como un dos grandes referentes dos torneos de fútbol que se fan en toda a provincia de Lugo, e incluso en Galicia. Esperemos que todo saia ben e animar á xente a asistir aos partidos que estou segurísimo que vai haber un grandísimo nivel e vano pasar ben vendo o fútbol”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15414905548096