O toque de campás de Mondoñedo incluído na lista de Patrimonio da Unesco
O toque manual de campás de Mondoñedo, Ponte Caldelas, Ponteceso e Boqueixón vén de ser incluído na lista de manifestacións representativas do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco.
Campaneiros de toda España, entre eles os galegos, contribuíron á consecución da declaración, xa que todos a avalaron con cartas de consentimento como representantes do saber deste oficio. En concreto, por parte de Galicia participaron Valentín Ínsua Palacios, da Catedral de Mondoñedo; Elías Darriba, de Campaneiros da Insua, en Ponte Caldelas; José María López, dos Campaneiros de San Fins do Anllóns de Ponteceso, e Víctor Curros, de Campaneros de Santa María de Lamas e Sergude de Boqueixón.
O nome das campás da Catedral son Paula, Prima, Ronda, Petra, Esquilón, Campá do Sino, Esquilón Vello, Jernónima, Francisca e Calenda.
Candidatura conxunta
A proposta de inscrición no rexistro de bens de interese cultural respondeu á iniciativa de distintas asociacións españolas implicadas nesta práctica, que contactaron con distintos profesionais e institucións para traballar con estreita colaboración para soster a candidatura, foi tramitada polo Ministerio de Cultura e Deporte. A candidatura que lidera o Ministerio adheríronse varias comunidades. Xunto a Galicia -que participa na franxa norteña-, tamén están representadas a Comunidade Valenciana, Madrid, Castela e León, País Vasco, Navarra, Cataluña e Andalucía.
A tradición dos toques manuais de campás está presente en distintas partes de España e demostra a variedade de formas ao longo da xeografía española así como dos distintos tipos de toque. É un sistema de comunicación que se vén mantendo ao longo dos séculos como medio de expresión na vida relixiosa e civil. De feito, os toques, baseados no ritmo, tiveron historicamente un papel relevante á hora de organizar a vida comunitaria, delimitar o tempo e espazo laboral, festivo e de doo.