O tenente de alcalde de Viveiro renova o seu cargo na Rede Europea de Celebracións de Semana Santa
A Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua aprobou en asemblea a renovación da súa Xunta Directiva, na que o 1º tenente de alcalde do Concello de Viveiro, Jesús Fernández Fernández, continúa mantendo o seu cargo de tesoureiro da asociación.
Na asemblea xeral celebrada na mañá de onte, día 14 de decembro, de maneira virtual, aprobouse a renovación da Xunta Directiva da Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua para os próximos dous anos. A presidencia recaeu na alcaldesa de Priego de Córdoba, María Luisa Ceballos.
A presidenta anterior, Rosario Andújar Torrejón, alcaldesa de Osuna, asume dende agora o cargo de vocal, manténdose tal e como estaban os restantes cargos da directiva.
A Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua, á que pertence o Concello de Viveiro, creouse en 2019 e o seu obxectivo é promocionar e difundir o patrimonio cultural, tanto material como inmaterial, relacionado coas celebracións da Semana Santa e Pascua a través de accións que poñan en valor este patrimonio, impulse entorno ao mesmo un desenvolvemento turístico sostible e contribúan a salvagardar o patrimonio inmaterial a través do traballo científico e de investigación.
Do mesmo modo, o seu principal fin é unir esforzos e sinerxías para consolidar un modelo de estudo, salvagarda e difusión do patrimonio das tradicións da Semana Santa e Pascua en Europa.